Na capital do Deza os amantes do mundo equino teñen unha cita ineludible no mes de xuño, data na que se celebra a Feira do Cabalo. Trátase dun dos eventos con máis sona deste municipìo, dedicándolle unha orgullosa estatua en pleno casco urbano, non en van celébrase dende o ano 1988.
Aínda que nun comezo se celebraba no antigo recinto feiral, co tempo a súa relevancia precisaba dun terreo de maiores dimensións, polo que actualmente se desprazou ata a parroquia de Vilatuxe, nas instalacións do Club Hípico Juan Oliveira en Mouriscade.
Espectáculos equinos
Durante as dúas xornadas da cita equina sucéndense actividades paralelas á compra-venda dos animais, contando con competicións de horseball, espectáculos de doma e baile, así como ring hípico no que o público pode montar baixo supervisión. A presenza de varios centenares de cabalos supón un gran reclamo tanto para profesionais como para os visitantes.
En cada edición amplíanse as novidades, tratando de sorprender ás máis de 3.000 persoas que se achegan durante toda a fin de semana ata o recinto. Expertos en moi variadas modalidades e mesmo profesionais da relaxación equina deixan estupefactos aos asistentes.