A importancia da caza no municipio de Rodeiro vén abalada polo importante número de afeccionados, así como pola presenza de pratos a base de presas na súa gastronomía. Son principalmente o xabarín, o coello e as perdices as capturas máis comúns que, debido a uns montes case vírxenes, permiten albergar numerosas pezas converténdose nun gran reclamo para os cazadores.
Esta clara vocación cinexética do Concello foi o xerme para que no ano 2004 se organizase a primeira Festa da Caza coa intención de divulgar este deporte e eloxiar as súas virtudes culinarias. Pese a que a data de celebración sufriu varios cambios, sempre coincide coa época de caza xa que a xornada festiva inclúe distintas batidas, conferencias e mesas redondas que versan sobre a cinexética incluíndo campionatos de raposos e mostra de aves rapaces.
Unha vez rematado o campionato, comeza a exaltación gastronómica do produto en xantares populares para os participantes con menús baseados nas presas. Así mesmo, os visitantes tamén poderán degustar estes pratos nos distintos restaurantes do concello que durante a xornada centran a súa cociña na caza.